Friday 03 de May de 2024

A localidade italiana de Acqui Terme exhibirá este verán unha exposición de Dalí pertencente ao Museo do Gravado de Artes


Manuel Ruiz e Javier Expósito, presidente e vicepresidente da Fundación Museo de Artes, mantiveron esta semana unha reunión en Riveira con dous importantes persoeiros procedentes da cidade de Acqui Terme, o arquitecto Adolfo Carozzi e un representante prestixiosísima Biennale Internazionale per l’Incisione (Bienal Internacional do Gravado) que se realiza nesa localidade situada no Piamonte italiano.

O motivo da visita, na que tamén estivo a experta en xestión cultural Rosario Sarmiento, residiu no interese da delegación italiana en exhibir este verán (concretamente, dende o 15 de xullo ata o último día de agosto) algunha das coleccións pertencentes ao Museo do Gravado de Artes. A comitiva mostrou predilección por poder ofrecer algunha exposición con gravados de Salvador Dalí, un autor que está a obter unha tremenda repercusión coa mostra que nestes momentos está a ter lugar na sede de Afundación en Santiago de Compostela, con milleiros de persoas.

A este respecto, os representantes do museo riveirense aconsellaron as series dalinianas dedicadas a Pantagruel, O Quixote e as Fábulas de La Fontaine, se ben aínda está por determinar se serán estas ou outras as que recalen en Acqui Terme este verán.

Promoción turística
Ao fío desta futura exposición, o Concello de Riveira aproveitará o seu desenvolvemento para facer promoción turística do noso Concello na cidade italiana a través dun novo vídeo turístico e outros elementos que resalten os nosos recursos ambientais, culturais, gastronómicos ou paisaxísticos.

Cómpre recalcar por último que a do Gravado de Artes é a institución museística que máis fondos dedica en Galicia á divulgación dos seus fondos fóra da comunidade autónoma, con exposicións recentes celebradas en localidades como Miami, Nova York ou Chicago.